Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, pese a que ambos coñecían ben a ruta, precipitáronse por unha catarata e a lancha na que viaxaban rompeuse a causa do impacto. Impedidos de continuar o seu camiño a través da auga, tiveron que seguir a pé polo monte ata chegar á estrada, onde finalmente puideron pedir axuda a un viandante.
Finalmente, malia algunhas feridas superficiais, os afectados atopábanse en bo estado de saúde e rexeitaron asistencia médica.
Os xestores do Centro integrado de Atención ás Emerxencias tiveron constancia dos feitos a través da chamada dunha persoa particular ás 21:30 horas da noite do luns. O alertante informaba que os seus amigos saíron nunha balsa inchable e non retornaron ao punto de encontro na hora establecida.
De inmediato, desde o 112 Galicia, solicitouse a intervención dos axentes da Garda Civil e tamén da agrupación de Protección Civil de Oitavén-Tea para participar na busca. Ademais, pasouse aviso aos Bombeiros de Ribadumia, ao 061-Urxencias Sanitarias e tamén ás AVPC de Redondela e Cercedo-Cotobade por se fose necesaria a súa colaboración.