A Deputación convocou de xeito urxente un minuto de silencio para as once desta maña, ao que chama a todos os cargos políticos e os funcionarios da institución provincial, para mostrar a súa condea da violencia machista e ofrecer a súa solidariedade coa familia da muller asasinada.
A presidenta da Deputación asegurou que 33 asasinatos de mulleres no que vai de ano neste país «é unha razón máis que suficinte para que todos e todas nos involucremos nesta situación máis que intolerable». Silva fixo estas declaracións ao remate do minuto de silencio convocado ante a Deputación para mostrar a repulsa do crime machista acontecido onte na cidade de Vigo.
Carmela Silva subliñou que son 33 as mortes de violencia machista xa declarados en España, seis aínda en investigación. Tres destas mortes producíronse na provincia de Pontevedra, coa acontecida onte en Vigo. «temos que facer unha chamada -afirmou a presidenta- á concienciación de todos e todas para asumir a violencia machista como un problema de toda a sociedade».
Para a presidenta da Deputación a violencia machista é unha cuestión de Estado que remarcou o compromiso da institución provincial contra esta lacra. «Xa non quedan palabras de repulsa e temos un sentimento de impotencia fronte a esta situación inasumible de tantas mortes, porque nos están a asasinar as mulleres», concluíu Carmela Silva.
Por último, Silva recalcou a necesidade de acadar un «rexeitamento unánime» de todos os asasinos porque «nos asasinan as mulleres».
Artículo relacionado:
Asesina a su mujer en Vigo y se suicida