A representación dos traballadores critica a “intransixencia” do empresariado, que realizou unha derradeira oferta que non satisfai minimamente as demandas de melloras económicas e sociais, pretendendo perpetuar o “peor convenio” de todo o ámbito da alimentación.
Tal e como advertiu o comité de folga ao anunciar o adiamento das xornadas inicialmente convocadas para o 24 e 25, a folga no sector dos produtos elaborados do mar retomaríase para os días 30 e 31 de outubro se as negociacións non frutificaban.
Así foi finalmente, a pesar da satisfacción lograda por un primeiro día de folga unánime que demostrou a capacidade de loita das traballadoras do sector e que logrou sentar á patronal na mesa por primeira vez desde a ruptura das negociacións o pasado setembro.
Segundo o comité, esta nova xeira de contactos non chegou a bo porto debido a que a patronal non se moveu practicamente da proposta inicial e realizou unha derradeira proposta que non colma en absoluto as necesidades de mellora do persoal.
Neste sentido, indican que na parte económica se amosan intransixentes nas propostas de suba salarial nos grupos 1, 2 e 3 dun 5,5% no primeiro ano e 2% nos tres sucesivos anos de vixencia do convenio fronte os 5,5% e 2,9% que propón a parte social. Alén disto, o empresariado tampouco está disposto a admitir permisos retribuídos para levar fillos en idade pediátrica ao centro de saúde.
Segundo indica a delegación negociadora, as únicas cesións da patronal consistiron en aceptar a redución do tempo para promocionar da categoría 1 á 2 de cinco a catro anos e en aceptar o plus de serra, se ben reducindo á metade a súa contía (50 euros).
Aseguran, así mesmo, que pola parte social se realizou este luns unha nova proposta para dar unha última oportunidade ao acordo, responsabilizando a patronal das dúas novas xornadas de folga que volverán paralizar o sector.
Piquetes informativos
A segunda xornada de folga no sector de elaborados do mar repetirá o esquema da anterior e iniciouse na madrugada deste martes 30 con piquetes informativos percorrendo os principais centros de traballo e polígonos.
Así, na comarca de Vigo desprazáronse desde as 22.00 horas do luns ao inicio da quenda de noite en Pereira, para desprazarse ás 04:30 horas a outras factorías como Fandicosta ou Mascato.