O primeiro encontro entre Abel Caballero e Enrique López Veiga, presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, serviu para manifestar a colaboración entre as dúas institucións que «inauguramos unha moi boa etapa de cooperación», en palabras do rexedor, quen engadiu que «o Porto e a cidade teñen que ir xuntos e por parte do alcalde vai ter todo o apoio que precise para a súa xestión», tendo en conta que é unha «actividade económica clave na cidade».
Trala xuntanza, Abel Caballero explicou que o modelo de relación entre o Concello e o Porto será «o do diálogo, o da confluencia e o da miña convicción, despois de ser presidente máis de dous anos e medio, de que o Porto se goberna desde a Autoridade Portuaria. Teremos que levar adiante acordos e o presidente anterior tivo toda a cooperación do alcalde de Vigo en todas as decisións portuarias que tomou». Ademais expresou que «nada desexa tanto o alcalde como escoitar que o Porto vaia ben polo tanto ofrezo toda a colaboración».