Ademais, en relación aos gastos de mantemento producidos, consideran que “resulta canto menos curioso que tendo persoal propio capacitado para o desempeño da meirande parte dos traballos de conservación e mantemento necesarios nas lonxas, a Autoridade Portuaria de Vigo (APV) se gaste cerca do millón e medio de euros anuais na contrata dunha empresa externa”.
Segundo indica González, o control do mantemento que realiza a adxudicataria “viuse moi afectado pola política aplicada pola APV de non cubrir as baixas do persoal dedicado a dita supervisión nin as xubilacións acaecidas nestes últimos anos”.
Así, dende a CIG teñen claro que o “estado de abandono” das instalacións do Porto Pesqueiro débese á xestión dos dirixentes e incluso pensan que esa “neglixencia” puido ser “premeditada” para intentar ter unha xustificación de cara á privatización, que segundo cren “non fará máis que ampliar o gasto e agravar as supostas perdas.
O presidente do Comité de Empresa da APV cualificou “tremendamente paradoxal” que López Veiga “se queixe do excesivo gasto en mantemento e que sen embargo afirme que o que se leve a xestión da Lonxa se atopará cunhas instalación totalmente renovadas e modernizadas”.
Policía Portuaria
A CIG tamén defendeu o traballo da Policía Portuaria fronte o gasto esgrimido por López Veiga no que respecta a vixilancia: “Non existe persoal mellor formado e capacitado para o desenvolvemento dese labor e que, como mal menor, en caso de levarse a cabo esa privatización o gasto en vixilancia non descenderá, pois ningún axente vai ser despedido e o único que vai conseguir é recolocalos noutros servicios que ultimamente estanse a ver prexudicados pola política de austeridade aplicada no seo da APV”, advirte.
Finalmente, González lamentou que o presidente da APV pretenda tomar esta medida “ao seu antollo”. “Encarouse cos estibadores, cos inspectores do Posto de Inspección Fronteiriza (PIF) e agora cos vendedores de peixe sen dialogar nin negociar con ningunha das partes afectadas e non se da de conta de que, malia o que cree, leva soamente dous anos aquí e non sabe como funciona o Porto de Vigo. Estase a cargar unha maquinaria ben engraxada e vai deixar ao Porto de Vigo, que xa se está a resentir coa perda de tráficos e as nefastas inversión que estanse a realizar, nunha situación irreversible”, concluíu.