A intervención busca preservar o patrimonio e recuperar a identidade da villa a través da consolidación das ruínas e a rehabilitación da estrutura e os interiores. A obra dotará de accesibilidade á finca a través dunha pasarela con varanda que cruza o patio interior. Ademais, o proxecto inclúe bancos e iluminación pensada para realzar o inmoble, que se converterá nun espazo de desenvolvemento cultural, museístico, teatral e turístico.
Máis polo miúdo, neste espazo catalogado no patrimonio cultural de Galicia, situado en Alcabre, a empresa Orega está a realizar unha intervención mínima para preservar o carácter e a estrutura da finca. Amais, entre as obras que se están a acometer figura a recuperación, limpeza e recolocación dos pavimentos existentes na zona porticada principal e dos percorridos accesibles do interior, así como a incorporación de elementos estruturais para mellorar a accesibilidade.
Pola súa banda, tamén se inclúe na actuación un proxecto de iluminación que permitirá poñer en valor o conxunto ao mesmo tempo que terá un efecto disuasorio de actos vandálicos. Por último, levarase a cabo a retirada de elementos que se atopen en mal estado ou presenten corrosión, a limpeza da vexetación e a recolocación de pezas desprazadas.
Investimento
A actuación ten un orzamento de case 320.000 euros dos cales 277.000 proceden da Deputación de Pontevedra e preto de 42.000 do Concello de Vigo.
“Esta reconstrución vai permitir o acceso da cidadanía ao edificio residencial e ademais tamén vai facer posible a realización de eventos. Trátase dun elemento de espazo público que se devolverá aos vigueses e viguesas”, sinalou este martes Silva.
Pola súa banda, Caballero puxo en valor a “extraordinaria e importante recuperación deste espazo histórico, unha xoia arquitectónica” que se atopaba “en estado lamentable”.