A Xunta de Goberno Local aprobou este venres as candidaturas do Concello aos galardóns medioambientais Bandeira Azul e Senda Azul 2016. Vigo busca o recoñecemento de Bandeira Azul para 9 praias: Areal da Punta, Tombo do Gato, Argazada, Fontaíña, Vao, Canido, Fortiñón, Rodas e Figueiras. Ademais, opta ao distintivo de ruptura de barreiras arquitectónicas e atención a persoas con discapacidade. Abel Caballero explicou que o obxectivo do seu goberno é que «as praias e sendeiros azuis de Vigo sexan accesibles e xa temos un sistema de baño establecido desde o Concello para persoas con discapacidade e con mobilidade reducida, que inclúe formas de baño distintas».
No tocante á candidatura a Sendeiro Azul, o rexedor informou que quere renovar o galardón de 2015, concedido ao «Camiño a Beiramar»; o Paseo do río Lagares desde a Avenida de Madrid ata a desembocadura, e que concorrerá con dúas novas candidaturas «significativas»: a Senda entre Faros nas Illas Cíes, que parte da praia de Rodas e chega ata os faros, e a Senda Litoral e do Monte da Guía en Teis, que transcorre polo monte da Guía, a Praia da Punta e a Etea en Teis.
Ademais, o Concello adheriuse a un Convenio de cooperación coa Deputación Provincial de Pontevedra para levar a cabo actuacións nos sendeiros azuis.