O alcalde de Vigo, Abel Caballero, deu conta este xoves dalgúns dos acordos tomados na Xunta de Goberno Local, entre os que se atopa a aprobación das bases e a convocatoria do programa contra desafiuzamentos para o ano 2020, que ten un importe total de 2,5 millóns de euros, dos que agora se convocan preto dun millón de euros. Como novidade, subiranse os mínimos necesarios para acceder ás axudas.
No caso dos alugueiros, elévase o limiar unha media do 25% para que poidan acceder ás axudas máis familias. Así, nas unidades dun só membro o limiar sitúase en 300 euros, en 400 euros para familias de dous persoas, 450 euros nas de tres, 500 euros nas unidades familiares de catro integrantes, 550 euros nas de 5 e 600 euros nas de 6 ou máis membros.
Segundo explicou Caballero, o Concello sobe tamén o limiar no concepto de axudas de alimentos unha media de 55 euros para a cobertura das necesidades alimentarias e ábrese unha liña de axudas novas. “Imos apoiar á xente con poucos recursos para a adaptación dos fogares en materia de eficiencia enerxética” axudando co illamento da vivenda, electrodomésticos de baixo consumo ou caldeiras eficientes naquelas casas que o precisen, de xeito que as facturas de enerxía sexan menores.
Subvencións a asociacións
A Xunta de Goberno Local aprobou tamén as subvencións para o financiamento de gastos de organización de actos sociais e encontros veciñais para o año 2019, que teñen un importe total de 35.000 euros.
Dez entidades viguesas foron beneficiadas con 18.200 euros en axudas: a Asociación Veciños Casco Vello (1.200€), Asociación de Veciños e Centro Social Beade (2.700€), Asociación veciñal San Roque (1.452€), Asociación Veciños Feira Cabral (2.200€), Centro Cultural Valladares (2.700€), Unión Veciñal e Cultural Candeán (1.500€), Helios Bembrive (1.391€), Festas Candeán (2.000€), Asociación Folclórica Os Ventos de Comesaña (1.210€) e Asociación de Festas a Paloma da Garrida (2000€).