Segundo informou este luns o rexedor, nos próximos días a Xunta de Goberno Local aprobará o orzamento municipal para o ano 2017 que será «moi expansivo; imos ao tope do que nos permite a lexislación», logo de abordar a cuestión do teito de gasto co Ministro de Facenda nun encontro mantido hai uns días en Madrid.
Así, o alcalde apuntou que o presuposto do Concello para o vindeiro ano estará «bastante por enriba» do correspondente ao ano en curso, situando a Vigo como a «cidade de España cun presuposto máis expansivo respecto ao ano pasado», cunha partida «moi importante destinada á política social», seguida dos plans de emprego; en terceiro lugar, os plans keynesianos de emprego, isto é, obra pública promovida polo goberno municipal que terá «un tirón moi importante» e, en cuarto lugar, o orzamento terá unha dedicación destacada ao deporte que «é a revolución de Vigo», como o foron as humanizacións primeiro; un ámbito ao que os presupostos darán «máis atención».
Deste xeito, di Caballero que Vigo será o «primeiro concello de España que aproba o seu presuposto», tendo o documento aprobado a finais de ano, destacando a estabilidade que isto supón para a cidade e amosándose «feliz porque vexo que a cidade marcha».