A marcha central coa que o feminismo galego celebrará esa data partira de Vía Norte ás 12:00 horas e rematará por volta das 14:00 horas na Praza do Berbés, onde haberá unha carpa con postos de comida, actuacións musicais, recitais poéticos e actividades para os cativos.
Co obxectivo de facilitar a asistencia á manifestación fretaranse ata unha vintena de autobuses dende distintas localidades, que achegarán ata Vigo a máis de 600 persoas “coa intención de amosar a nosa forza e a nosa capacidade de espallar a loita feminista e de xuntar forzas para dar visibilidade á ampla rede de mulleres galegas”.
Ao mesmo tempo, lembran que a marcha fai parte do traballo mobilizador cara á folga de laboral, de coidados e de consumo do 8 de marzo e pretende tamén darlle pulo ás convocatorias locais que terán lugar o propio durante esa xornada nas diferentes localidades do país.
“As mulleres sairemos ás rúas e faremos folga este e todos os 8 de marzo que fagan falta porque temos a forza para conquistar ese mundo tamén noso, xusto e igualitario; porque o noso camiño cara a eses obxectivos foi, e será sempre, continuar sendo insubmisas, rebeldes e loitadoras; para transformar a vida das mulleres, folga laboral, de coidados e de consumo”, sosteñen.