Este mércores, as 19:00 horas, a Sala de Conferencias de Afundación acollerá #TimesUP #Stop #violencia machista, evento enmarcado na Escola de Igualdade María Vinyals da Deputación, no que a presidenta provincial, Carmela Silva, e a filósofa feminista, conselleira electiva do Consello de Estado e catedrática de Filosofía Moral e Política, Amelia Valcárcel, compartirán escenario para falar de “Violencia Institucional” e “O deber actual de estudar a violencia”. O acto será presentado por Berta Ojea, actriz e membro do Consello Nacional de Cultura do Ministerio de Cultura do Goberno de España e asistirá o alcalde de Vigo, Abel Caballero.
Por outra banda, Vigo será tamén protagonista este próximo venres ao acoller a primeira actividade do programa da Deputación “Mulleres en Acción. Violencia Zero”. O proxecto chega a súa cuarta edición despois do seu percorrido nestes anos para denunciar a violencia machista a través da arte, cun total de 60 accións e 75 mulleres creadoras nos concellos da provincia. Este venres, no Salón de Actos do Marco, arranca a edición deste ano coa performance “Nosotras” que porá en escena a madrileña Nieves Correa. Coa súa peza, Correa pretende facer reflexionar sobre o traballo non remunerado das mulleres nas economías desenvolvidas e ata que punto o noso nivel de benestar se sostería sen este traballo. Un traballo que suporía o 53% do PIB de España, o motor máis grande da economía do estado.
Amais de Vigo, Violencia Zero percorrerá este ano outros 25 concellos da provincia co obxectivo de loitar contra as violencias de xénero con accións nas que as artistas transforman o seu traballo nun berro de denuncia. Estas accións incluirán performances, poesía, narrativa, murais, música, graffiti, danza contemporánea e acción escénica.