Abel Caballero amosou o seu «entusiasmo e satisfacción» polo acordo acadado este xoves entre o Concello de Vigo, ADIF e a Xunta de Galicia que é unha «gran noticia», un avance moi «interesante» para a cidade e unha «decisión para os vindeiros 100 anos».
Tras a reunión na que se confirmou a adxudicación do proxecto a Inmochan, o rexedor destacou a «vontade política de cooperación de todas as partes», o que permitirá chegar a un «acordo no financiamento» da obra necesaria para acometer o acceso ás estacións e ao centro comercial a través dun túnel que supoñerá a eliminación do paso elevado da rúa Alfonso XIII. «Imos cooperar todos e vaise completar de forma totalmente satisfactoria», engadiu, poñendo en valor o positivo que será para a cidade contar con estas infraestruturas e cun sistema de acceso ás mesmas que «resolve moitas cousas».
O presidente de ADIF, Juan Bravo, agradeceu a colaboración do Concello e a Xunta de Galicia para avanzar nesta infraestrutura e anunciou que o Consello de Administración da entidade adxudicará a Inmochan o proxecto do Centro Vialia, deseñado por Tom Mayne, o vindeiro mércores 29 de marzo. Así mesmo, destacou os avances alcanzados na garantía da mobilidade na zona, sinalando que aínda queda por diante tramitación administrativa, técnica e económica na que contan coa vontade das tres partes. Ao seu entender, o adxudicatario presentou un «proxecto integral» que, sendo «o de menos edificabilidade, cubre todas as necesidades de Vigo e desenvolve todo o ámbito co complemento da estación de autobuses.»
A este respecto, a conselleira de Infraestruturas da Xunta de Galicia, Ethel Vázquez, anunciou o investimento de 10 millóns de euros para poder desenvolver o proxecto da nova terminal de autobuses de Vigo.