O Concello de Vigo loita contra a avespa asiática desde o ano 2012 con preto de 200 actuacións que se intensificaron nos últimos meses, con 75 intervencións desde o pasado xullo. Así o explicou hoxe xoves o rexedor durante unha visita que realizou esta mañá ao Parque de Bombeiros de Balaídos para amosar algúns dos dez traxes -valorados en 600 euros cada un- que o Concello ven de adquirir para que os profesionais poidan combater con seguridade a praga de avespa asiática.
Segundo explicou, persoal do Departamento de Medio Ambiente (desinfección), efectivos de Bombeiros e Policía Local recibiron un curso formativo para aprender a distinguir estas avespas das abellas autóctonas xa que o obxectivo municipal é preservar as colmeas para frear a «hecatombe ambiental que se está a producir».
Respecto do protocolo, o alcalde explicou que os operarios actúan ao atardecer, cando están as avespas no niño, retírano para introducilo nunha bolsa hermética de grande tamaño e méntense nun conxelador no que aínda duran vivas varias días, explicou. Neste punto criticou á Xunta por desatender a súas obrigas xa que a loita contra este problema medioambiental é competencia autonómica.
Durante a visita, Caballero aproveitou para anunciar que estas instalacións serán reformadas, en liña coa remodelación realizada no Parque de Bombeiros de Teis.