O Teatro García Barbón acolleu este martes a gala de entrega dos premios aos Vigueses Distinguidos, ademáis da Medalla da Cidade, que este ano recaeu na Asociación Diálogos 90, que levan 28 anos traballando pola igualdade e visibilizando a labor das mulleres en distintos eidos, segundo expuxera o alcalde tras a súa aprobación polo Pleno.
Os Vigueses Distinguidos foron Agarimo (entidade fundada en 1997), o Club Montañeros Celtas (que cumpre 75 anos), o Centro Comercial Coia 4 (que celebra o seu 40º aniversario), a Asociación de Veciños Praza da Miñoca (con 20 anos de vida), o Coruxo FC (fundado en 1930) e Rosario Pérez Montes (traballadora social no albergue do Concello de Vigo).
O Concello outorga este ano outras dúas distincións ex aequo, aos colexios Doutor Fleming e Canicouva (que cumpren 50 anos na cidade) e a Ledicia Costas e Antonio Teijeiro (escritos galardonados co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil de 2015 e 2017, respectivamente).
O maxistrado da Audiencia provincial en Vigo, Julio Picatoste, foi o encargado de redactar o Bando da Reconquista de 2018.
«E sempre é tempo de estar unidos. Agora tamén. Agora, se cabe, aínda moito máis. É o momento preciso, o momento da saída da crise, con forza, con ganas. É tempo de avanzar máis rápido que ningunha outra cidade, xuntos. Como xa está a suceder», destacou Abel Caballero durante o discurso que pechou o acto.
O alcalde apelou á unidade e mencionou aos que teñen outros intereses máis alá de Vigo. «E sabemos que algúns prefiren a súa obediencia aos que teñen outras preferencias ou outros obxectivos. Alá eles! Pero nós non: o primeiro é a cidade, o primeiro é Vigo, que sempre estará por diante dos intereses particulares. O primeiro son as xentes de Vigo. E despois os partidos, as estratexias. O primeiro é a sinceridade, a unidade que conforma a nosa identidade», sinalou.
Abel Caballero insistiu en que é «o día de honra» da cidade, dos Vigueses Distinguidos, da Medalla da Cidade e do autor do bando da Reconquista, «e é o día de dicirnos en Vigo que estamos a desenvolver un proxecto único, excepcional, que está sendo recoñecido en toda España».