A praia presenta varias deficiencias xa denunciadas pola asociación diante das diferentes administracións. Por exemplo, a rampla de acceso esta afundida, a torre de vixilancia atópase en mal estado e o paseo marítimo non ten firme en moitos tramos.
Os veciños consideran igualmente que este areal ten un “problema de espazo”, pois queda moi reducido cando a marea esta alta, o que provoca que a veciñanza se teña que colocar no seu entorno.
Desde a asociación propoñen que se acondicione unha superficie entre o paseo marítimo e o parque público para gañar espazo. Na actualidade esta zona esta descoidada, cun terreo irregular e con vexetación.
Ademais, suxiren acondicionar o peirao lindeiro coa praia. Este peirao xa o utiliza a veciñanza, aínda estando no estado actual. Esta proposta trasladouse ao servizo provincial de Costas de Pontevedra hai mais dun ano.
Tamén estiman necesario acondicionar ou desmontar a torre de vixilancia existente, ao supor un perigo, pois xa houbo algúns desprendementos de pezas metálicas.
Os veciños amósanse a favor de construír o espigón proposto polo Concello de Vigo para recuperar area na praia de A Punta, pero coa realización previa de estudos técnicos que avalen esta proposta. “Non estamos dispostos a unha nova barbaridade como a decisión de depositar areal en agosto de 2010, que foi un absoluto fracaso e dilapidar diñeiro público”, alerta a asociación.
“Entendemos que é urxente mellorar os espazos e o entorno da praia de A Punta , como vimos reivindicando desde fai anos as diferentes administracións implicadas. Non é aceptable o actual estado da praia e que a veciñanza moitos días, teña que estar amoreada, cando hai solucións”, rematan os veciños.