Co comezo deste procedemento dáse un paso máis no impulso desta infraestrutura estratéxica, tras autorizar recentemente o Consello da Xunta o convenio co Concello e o Ministerio de Fomento para o financiamento dos accesos á intermodal e ao centro Vialia, cun investimento de 10,7 millóns de euros.
O Goberno galego achega ao proxecto 1,7 millóns adicionais aos 12,3 millóns de euros xa previstos para a construción da nova estación de autobuses intermodal.
Esta actuación ten como fin a comunicación da nova terminal de autobuses, a estación de ferrocarril e o Centro Vialia coa súa contorna urbana inmediata para facilitar os desprazamentos.
O obxectivo é eliminar o tapón que supón para o tráfico urbano a limitación de gálibo existente na rúa Alfonso XIII, imposto polo viaduto de acceso á AP-9. Para iso, construirase un vial soterrado que comunique a rúa Lepanto coa AP-9, pasando baixo a praza da estación e a parcela da futura terminal de autobuses.
Cómpre lembrar que a Lei autonómica de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou excepcional interese permite desenvolver este proxecto estratéxico para Vigo a pesar de que a cidade continúa sen plan xeral de ordenación municipal.