O grupo municipal Marea de Vigo presentou na sesión plenaria deste luns unha moción na que se insta á Xunta de Galicia a «parar a privatización do colectivo de celadores e celadoras que se está impoñendo na sanidade galega e de xeito moi evidente no hospital Álvaro Cunqueiro» e que saíu adiante co respaldo do grupo socialista.
No texto, Marea de Vigo sostén que o labor que realizan estes traballadores é clave para o funcionamento das Institucións Sanitarias e na Área Sanitaria de Vigo están detectándose incidencias que implican un «risco» logo da asunción por parte dunha empresa privada do traslado interno e a xestión auxiliar de todo tipo de produtos farmacéuticos, historias clínicas e documentación sanitaria así como do transporte de instrumental médico e cirúrxico dende a central de esterilización. A moción apunta que a realización destas funcións por parte da citada empresa vai supoñer para os celadores e celadoras a «desaparición de moitos postos de traballo a favor dunha empresa privada que se lucra a conta de crear emprego precario sen que lles importe que estes traballadores, que carecen de formación no ámbito sanitario, desenvolvan unhas tarefas que son cruciais para o funcionamento das Institucións Sanitarias e, polo tanto, para a saúde dos pacientes».
Colas
Ademáis, todos os grupos políticos coincidiron ao esixir á Xerencia da área sanitaria de Vigo a adopción das medidas precisas para evitar os tempos de espera na obtención dunha cita no hospital Álvaro Cunqueiro. Esta moción socialista foi aprobada por unanimidade, pero non ocorreu o mesmo coa iniciativa que presentou tamén o PSOE instando á Xunta á corrixir as deficiencias viarias e de seguridade nos accesos ao centro hospitalario. Nesta ocasión, a moción, que aprobada coa abstención do PP e os votos favorables de PSOE e Marea, solicita a garantía da gratuidade dos aparcadoiros.
Cobertura sanitaria e Cidade da Xustiza
Outra das iniciativas socialistas foron aprobadas no Pleno instaba ao Goberno de España a derrogación do RDL 16/2012. Cos votos a favor de PSOE e Marea e a oposición do PP, o Pleno acordou solicitar a substitución da normativa por outra lei que recoñeza a cobertura sanitaria universal como dereito constitucional en igualdade de condicións para todas as persoas.
Os votos socialistas aprobaron instar á Xunta á incorporación nos orzamentos de 2016 de partidas económicas precisas para construír a Cidade da Xustiza. Coa abstención da Marea e o voto en contra do PP, Carlos López Font defendeu un texto que pretende que esta dotación xudicial entre en funcionamento no ano 2017.