A ONG, asegura o sindicato, aínda non actualizou os salarios do cadro de persoal, integrado por 24 persoas, conforme ao establecido no convenio de Acción e Intervención Social.
Este problema remóntase a finais do ano 2016, cando a ONG faise coa xestión do albergue municipal vigués pero non subroga os traballadores nas mesmas condicións que tiñan coa empresa anterior. A delegada de persoal, da CIG, intenta sen éxito dialogar coa dirección para que aplique o convenio correspondente, o estatal de Acción e Intervención Social.
En xaneiro do ano seguinte os traballadores deciden presentar unha demanda de conflito colectivo contra a entidade, e de xeito paralelo denuncian a súa situación diante da Inspección de Traballo, que ameaza a Cruz Roja con sancións. O xulgado atende as súas reivindicacións e nunha sentenza feita pública o 19 e outubro establece que o convenio de aplicación é o anteriormente citado.
Pero a día de hoxe, reitera a CIG, a ONG continúa sen aplicar o convenio e sen actualizar os salarios. O persoal non cobrou dende 2016 conforme ao que fixa o convenio, o que, segundo denuncian, supón un importante prexuízo económico.