«Dende ás 8.00 h. do día de hoxe está en funcionamento un ala -con trinta camas- da terceira planta do hospital Meixoeiro para pacientes de Medicina Interna e Xeriatría, que permanecía inoperativa desde a apertura do Cunqueiro. A súa posta en funcionamento veu acompañada da dotación do persoal sanitario necesario para a atención dos pacientes, con 1 médico, 12 enfermeiras, 9TCAEs (Técnico de Coidados Especializados de Enfermaría), e 1 celador», explica o Servicio Galego de Saúde (Sergas).
Engade tamén o Sergas que a segunda ala deste andar do Meixoeiro está en condicións de recibir pacientes no momento en que sexa necesario. «Ao igual que está acontecedendo en todos os servizos de Urxencias de España e Europa, as Urxencias do Álvaro Cunqueiro experimentan unha maior presión asistencial, motivada fundamentalmente pola gripe e patoloxías respiratorias relacionadas coas condicións climatolóxicas», xustifica sobre a situación.
Explica que este luns atendéronse a 474 pacientes adultos, o que constitúe a cifra máis alta dende a apertura do Álvaro Cunqueiro, e que a media diaria de asistencias urxentes de adultos do pasado ano 2016 foi de 335, polo que onte atendéronse 139 pacientes por encima da media (un 41.4 por cento).
«Ademais, o perfil de paciente é unha persoa maior, con patoloxía crónica de base, que sofre unha reagudización do seu proceso por mor dunha infección respiratoria. Polo tanto, trátase de pacientes máis complexos que necesitan dun maior tempo de atención e que, nunha porcentaxe dun 18,18 por cento, requiriron onte ingreso hospitalario, mentres que a media do pasado ano foi do 15 por cento», xustifica de novo.
«A pesar dos altos índices de ocupación dos hospitais, a programación cirúrxica non se ten visto alterada nin foi necesario derivar ningún paciente a centros concertados», asegura o Sergas.
Segundo sinala, a estrutura organizativa do Chuvi aporta a «capacidade de ampliar recursos cando é necesario. Hai que lembrar que o 70 por cento das habitacións do Cunqueiro son individuais e están acondicionadas para acoller unha cama máis mantendo as mesmas condicións de confortabilidade. Neste senso, é unha medida habitual, en caso de necesidade, duplicar as habitacións individuais».
Nos últimos días, de xeito progresivo, duplicáronse as camas das habitacións -onte foron 8 máis- polo que momento actual o Cunqueiro ten habilitadas 52 camas máis.
Respecot ao cadro de persoal de Urxencias sinala que tamén se reforzou con 1 médico, 1 enfermeira, 1 TCAE e 1 celador en Urxencias . «Trala unificación dos servizos do Hospital Xeral e Meixoeiro, as Urxencias actuais dispoñen do dobre de espazo que os dous servizos anteriores xuntos, e foron dotadas con 30 profesionais máis», engade.
«Así, nesta área traballan 322 profesionais. Por categorías profesionais, o servizo conta cun coordinador, 53 médicos do cadro de persoal e 9 médicos de reforzo (63 médicos), 91 enfermeiras, 59 TCAE, 89 celadores, e 20 auxiliares administrativos. Este persoal está dedicado exclusivamente á atención de urxencias de adultos. Hai que engadir tamén os 75 médicos especialistas que o Chuvi dispón para atención en gardas», apunta o Sergas.
Atención Primaria
«Por último, hai que recordar que case á metade – o 49,43 por cento- dos pacientes que demandaron atención do servizo de Urxencias do hospital o pasado ano foron triados con “patoloxía banal”, que non revestía gravidade. Esto indica que se debe seguir promovendo a resolución deste tipo de problemas de saúde no ámbito da atención primaria mediante a educación sanitaria, evitando así desprazamentos e esperas innecesarias dos pacientes aos hospitais», conclúe o Servizo Galego de Saúde.