Concretamente, trátase da contratación dos proxectos básicos e de execución así coma a dirección de obra para levantar 44 vivendas de promoción pública na rúa Ignacio Groba e outras 30 na rúa Chantada. O orzamento base total supera os 350.000 euros e o prazo de execución é de catro anos e medio.
Esta operación lévase a cabo tras a solicitude feita polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) ao Concello de Vigo o pasado ano para a cesión de solo residencial co obxectivo de facer vivendas de promoción pública na cidade. Deste xeito, e ante as negociacións co goberno local, o IGVS avanzou nos seus trámites administrativos para levar adiante dita licitación e, toda vez que se comprobou que estes ámbitos non están afectados pola sentenza de anulación do PXOM do 2008 por parte do Tribunal Supremo, a Xunta de Galicia procede a súa publicación hoxe no DOG.
Os trámites do IGVS poden facerse igualmente aínda que a cesión do solo non se fixo definitiva esperando que, pola súa banda, o Concello de Vigo remate os seus trámites e facer así efectiva a devandita cesión, segundo comunicou a delegación da Xunta de Galicia na cidade olívica.