Abel Caballero trasladou a preocupación e «alarma» das nais e pais e tamén do profesorado do CEIP Castelao de Navia debido ás obras que a Xunta está executando nas instalacións e que provocan «deficiencias serias e riscos innecesarios para a saúde os nenos e nenas ata o punto de que algúns non poden asistir a clase polo excesivo po» que xeran os traballos, mencionando, por exemplo, o ximnasio que se atopa «en condicións non óptimas».
Así, o alcalde informou do envío mañá martes dunha inspección técnica do Concello ao centro para comprobar as condicións nas que se está impartindo a docencia, apuntando que «non se poden compatibilizar» as clases cunha obra desta envergadura. Segundo lle explicaron dende a ANPA, as obras están implicando «mala atención aos nenos que van a clase e riscos potenciais para o alumnado», de maneira que Caballero instou á Xunta de Galicia a que «garanta as condicións do centro».