O alcalde vigués e o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, reuníronse este martes co obxectivo de «reiniciar» a Cidade do Mar, que «leva parada sete anos» a través dun convenio que está desenvolvendo Zona Franca e que contempla a cesión de uso dalgúns edificios da ETEA. A Universidade tería, ademais, que recadar fondos para completar o financiamento do proxecto.
Para Abel Caballero a xuntanza de hoxe serviu para «darlle luz verde á nova dimensión e ao establecemento da universidade na ETEA», grazas á cesión do uso de espazos por parte de Zona Franca, como é o caso da zona deportiva, na parte máis alta que «xa está en marcha». Ademais, o rexedor anunciou que o goberno local estudará a posibilidade de que se dedique ao ámbito social a antiga residencia de militares da ETEA para aloxamento de uso social co fin de «dar acomodo a xente que o precisa nestes momentos». No caso de que fose posible, habería que acometer as reformas necesarias no inmoble. O Concello levará esta proposta ao seguinte pleno do Consorcio da Zona Franca de Vigo.