O goberno de Vigo acordou este mércores interpoñer un segundo recurso contencioso-administrativo contra a decisión da Xunta de Galicia de obrigar ao Concello a cofinanciar os centros de día de Valladares, Teis e Coia. En rolda de prensa, Abel Caballero informou da decisión municipal contra a lei da Xunta que forza ao Concello a abonar o 30% do custe destes tres centros de día e das escolas infantís de Valladares e da rúa Palencia, de competencia e xestión autonómica. En total, o copago esixido a Vigo ascende a 550.000 euros anuais. O Concello, seguindo indicacións do xulgado, recorreu separadamente o segundo semestre do cofinanzamento dos centros de día, «competencia exclusiva da comunidade autónoma». A liquidación do primeiro semestre foi de 171.250 euros, a mesma cantidade que se reclama agora, a contía correspondente aos últimos seis meses.
O alcalde de Vigo censurou que a Xunta de Galicia «unilateralmente» lexisle o pago por parte da cidade dos servizos de competencia autonómica e nunha cantidade, o que representa un «grave atentado contra a autonomía local». Dentro das competencias que a LARSAL atribúe aos concellos non se inclúe a asunción forzosa de parte dos gastos ordinarios de centros da administración autonómica, explicou Caballero. Recordou que o Concello ten que pagar a «súa política social, non a da Xunta». O Concello, proseguiu, «non pode xustificar nin competencial nin orzamentariamente unha disposición de fondos a favor do Consorcio». A Xunta de Galicia non respecta as distribución de competencias, dixo, aplica «unha detracción forzosa, unilateral e periódica de fondos municipais» por iso interpoñemos un recurso que vai gañar o Concello.