Desde o Concello tamén apuntan o feito de que a Xunta “era coñecedora desde hai décadas da situación do laboratorio sen que a autoridade autonómica tomase decisión algunha para resolvelo” e salientan que “as análises foron utilizadas en diferentes ocasións para a toma de decisións da Xunta”.
O goberno vigués tamén pon énfase no número de analíticas realizadas na cidade por parte do Executivo autonómico, que dun ano a outro, no mesmo mes de decembro, pasaron de 11 en 2016 a 772 mostraxes en 2017.
“Chama a atención este incremento de analíticas e este goberno municipal pregúntase cantas mostraxes realizáronse nos municipios máis importantes de Galicia. Por certo, que esas 772 analíticas amosaron que a auga de Vigo é potable”, indican desde o Concello.
Segundo sosteñen, as únicas analíticas que dan por riba dos valores recomendados pola normativa son as realizadas “nalgún centro educativo da Xunta de Galicia”, motivo polo cal o alcalde, Abel Caballero, urxiu á reparación das tubaxes dos colexios.
Recurso
En todo caso, o Concello de Vigo anunciou que vai recorrer esta decisión porque “a non homologación do laboratorio municipal sempre estivo en coñecemento da Xunta de Galicia” e a administración autonómica “tolerou esta situación e incluso utilizou as analíticas deste laboratorio para a toma de decisións”.
Ademais, o goberno local fixo dous recordatorios. En primeiro lugar, que iniciou unha reforma do laboratorio hai un ano que foi contestada “politicamente con gran virulencia polo PP de Vigo, nun pleno no que eles mesmos avalaron o laboratorio da cidade”.
En segundo lugar, lembrou que “quen realiza as análises de auga na rede de abastecemento da cidade é Aqualia e os seus resultados indican que é potable e sempre foi potable”.
Artículo relacionado: Expediente sancionador a Vigo por “incumprimentos” nos controis da calidade da auga