Ademais, o alcalde ratificou o compromiso de reforzar os autobuses das liñas ao campus -U1,U2, C15 e L8- nas horas de máxima afluencia, sobre todo ás primeiras horas da mañá, tal e como lle solicitou o reitor. Outro dos asuntos que se abordaron durante o encontro, de acordo con Zona Franca, foi a mellora do transporte desde o Val Miñor, cunha estación de transferencia de pasaxeiros no polígono de Porto do Molle.
“Hai acordo total entre as institucións e logo traballaremos desde un punto de vista máis técnico con Vitrasa e coas empresas que fan o transporte desde o Val Miñor”, explicou Reigosa, que confirmou que “estamos expectantes ante a posibilidade de que mellore o transporte ao campus, que é unha petición dos estudantes de Vigo e do Val Miñor e coa acollida do alcalde e do delegado de Zona Franca, imos traballar para que isto sexa unha realidade o antes posible”.
Caballero salientou que as relacións co reitorado «son fluídas» o que resulta «moi agradable» porque «o noso nivel de acordo é total».