O alcalde deu conta este mércores dos trámites postos en marcha ante o cumprimento «moi deficiente» das obrigas da empresa adxudicataria do mantemento de parques e zonas verdes da cidade. Así, o Concello ten iniciados varios expedientes polos traballos non executados que «nunha primeira valoración se elevan a 100.000 euros», unha cantidade que detrae dos pagamentos que abona á empresa.
Así mesmo, Abel Caballero informou de que a finais de xullo foi solicitada á empresa unha auditoría externa para valorar a situación de todos os parques e xardíns de Vigo, en relación cos traballos da concesionaria para «saber en cales cumpren e en cales non; para volverlle dicir que non cobrarán os traballos que non están facendo, que o Concello non pagará por servizos que a empresa non está prestando». Reiterou o rexedor que a auditoría servirá para comprobar o «nivel de satisfacción e de execución dos labores da concesionaria nas zonas que lle corresponden en base ao contrato.
No caso de que continúe a deficiencia na prestación do servizo, o Concello estuda o inicio dun proceso de rescisión do contrato porque «en tanto sexa adxudicataria, non imos tolerar ningunha deficiencia do servizo; ten que cumprir ao cento por cento coas súas obrigas». Ademais, o alcalde explicou que as zonas nas que se realizaron novas humanizacións, que non están incorporadas ao contrato de parques e xardíns, están sendo xa atendidas por outras empresas contratadas para ese fin, citando o exemplo de Camelias, onde se está traballando para resolver os defectos.
Engadiu Caballero que «dun problema administrativo, derívase unha mala actuación, na opinión do Concello, dunha da empresa concesionaria e imos poñerlle solución, imos resolvelo, faremos que cumpra coas obrigas e que as zonas que non lle corresponden sexan atendidas».