A licencia concedida á Xestora Apartamentos Samil 55 contempla un total de 48 apartamentos turísticos no edificio da Avenida de Samil 55, unha autorización que «pon fin a unha longa traxectoria para facer cumprir as leis», anotou o alcalde en rolda de prensa, cifrada en case que tres décadas.
Caballero explicou que é posible conceder a licenza porque a propiedade realizou as obras de adaptación do edificio que lle esixiu o Concello e agora adáptase á recente normativa de apartamentos turísticos. Ademais, os titulares urbanizaron a rúa colindante ao inmoble.
Na Avenida de Samil existe un segundo edificio de apartamentos que presenta a mesma problemática urbanística que o sito no número 55. Neste caso, avanzou Caballero, a propiedade está a tramitar a súa licenza de primeira ocupación pola mesma vía, en base á norma dos apartamentos turísticos.
«Con isto garántese o cumprimento da legalidade urbanística e das leis nos apartamentos da Avenida de Samil 55, a outra licenza está en tramitación, e se está a resolver un problema urbanístico histórico desta cidade», concluíu Caballero.
Concurso do PXOM
Por outro lado, o concurso de adxudicación da revisión do Plan Xeral e de actualización da cartografía se resolverá definitivamente nas próximas semanas. Trátase dun paso de «xigante» na redacción do PXOM posto que en dez días a mesa de contratación se reunirá de novo para adxudicar definitivamente o contrato, unha vez as empresas elixidas acheguen a documentación acreditativa pertinente.
O alcalde deu conta este venres de que a mesa de contratación para adxudicar o revisión do Plan e a cartografía xa fixo a clasificación de ofertas. As empresas clasificadas en primeiro lugar teñen agora dez días para acreditar os méritos presentados e amosar estar ao corrente coas obrigas administrativas que impón o contrato. Cando a documentación estea completa, a mesa de contratación volverá reunirse para facer un proposta definitiva de adxudicación, que deberá ser aprobada no Consello da Xerencia.
Desde a sinatura do contrato, a empresa que vai revisar o Plan Xeral contará con dous meses para presentar un documento de diagnóstico socioeconómico e a empresa de cartografía terá un ano para actualizar a pertinente documentación a partir do voo fotogramétrico que xa se realizou este verán.
Tal e como lembrou, foron 11 as empresas que se presentaron ao concurso de actualizar a cartografía do PXOM e 5 para revisar o Plan, cun orzamento total de licitación do contrato de 2,7 millóns.