“As árbores non son postes, son seres vivos. Son o alicerce do equilibrio ambiental e un elemento vital de saúde pública”, defendeu Igrexas. O edil nacionalista apostou porque a celebración do nadal sexa tamén “sustentábel”, lembrando que recentemente o Pleno aprobou por unanimidade a declaración de emerxencia climática na cidade. “Pasemos das declaracións aos feitos. Comezando por cousas básicas como cumprir a ordenanza que protexe as nosas árbores”, reclamou.
Desde o BNG tamén expresaron a súa preocupación polo impacto ambiental da contaminación lumínica que pode producir o alumeado de nadal con 10 millóns de lámpadas. Igrexas aludiu ás informacións que apuntan a que se podería estar a poñer en risco o certificado Starlight das Illas Cíes.
Neste sentido, o portavoz nacionalista fixo súas as declaracións do ministro Pedro Duque quen na súa visita a Vigo alertara dos efectos dun exceso de iluminación. “As nenas e nenos e o conxunto das viguesas e vigueses temos dereito a poder ollarmos o ceo estrelado” afirmou, reclamando “racionalidade” na planificación do alumeado.