Otero resumiu este primeiro treito do mandato con un “máis do mesmo e novas sospeitas de corrupción”.
Nese sentido criticou a continuidade nas “políticas de escaparate dos últimos anos, que deixan sen atender as necesidades da veciñanza”. A continuidade non atinxe para o BNG só os contidos, senón tamén as maneiras, denunciando que se mantén o mesmo “talante autoritario e excluínte” dos últimos anos.
O dirixente nacionalista apelou directamente ao equipo de goberno de Abel Caballero para lles lembrar que “a campaña rematou”. “Hai que poñerse a traballar pola cidade”, urxiunos, facendo mención ás moitas necesidades que existen na cidade no ámbtio social, da sanidade, o transporte, a educación ou a cultura. “Con 17 concelleiros sigue facendo o mesmo que con 11: nada de nada”.
Logo de cualificar ao executivo socialista como “un goberno incapaz na xestión e sen proxecto político”, Otero criticou con dureza que Caballero priorice as súas “obsesións personalistas” por gañar protagonismo e peso interno no PSOE estatal e galego, en troca de se concentrar en atender os problemas da veciñanza. “Mentres Caballero anda de viaxes a Madrid a veciñanza continúa sen un transporte urbano en condicións ao novo hospital. Mentres fai a súa particular xira metropolitana, Vigo sigue sen conexión interurbano e sen transporte metropolitano. Mentres presume das políticas sociais de Vigo, as persoas que as precisan continúan agardando que se resolva o cheque social”, exemplificou.
Sospeitas de corrupción
A respecto das informacións que circulan arredor da Operación Patos, Serafín Otero lamentou que a cidade teña “un goberno baixo sospeita de corrupción”. Nese sentido, insistiu na exixencia de que o propio alcalde responda e “dea a cara”, denunciando a falla de transparencia coa que o PSOE sigue a encarar esta cuestión.
O dirixente nacionalista considera que “ao marxe das responsabilidades penais hai responsabilidades políticas que deben ser asumidas”. O BNG considera que “as persoas encausadas, a principiar polo xa imputado Ángel Rivas, deben abandonar o goberno da cidade”. Unha exixencia “de hixiene democrática” que tamén defenden se debe aplicar no caso do rexedor se finalmente resultase encausado. “Se o alcalde é imputado debe demitir inmediatamente” defenden, lembrando ademais que “no Concello de Vigo non se fai absolutamente nada sen o consentimento do alcalde”.