Para a Marea de Vigo é necesario reconsiderar gran parte deste gasto, reducindo importes dos recursos económicos consignados e recuperando material que no seu día adquiríu o concello, «material por certo que aínda alguén terá que explicar onde acabou porque non figura no inventario municipal a pesar de ser unha adquisición pública», sinala Pérez. «Do mesmo xeito -engade- poderíase fomentar a participación do deseño do alumeado e dos adornos de rúa na comunidade escolar de Vigo, como fan en moitas grandes capitais. Entregar millóns de euros a unha empresa é o fácil, o outro require un goberno con ideas e iniciativa agora ausente na cidade».
Marea de Vigo reclamará no Pleno a actualización do Plan de Emerxencia Municipal, que soamente recolle grandes concentracións de persoas no caso da Reconquista, Festival de Rondallas, Día da Muiñeira, Cabalgata de Reis, Entroido, Semana Santa e concertos puntuais que se poidan celebrar. «Nin tan sequera aparece mención ao Marisquiño, cando este leva realizándose 18 anos. Non existe absolutamente nada planificado ante avalanchas ou emerxencias nas zonas céntricas da cidade, dando a imaxe do modelo de goberno que Abel Caballero organiza co ‘ordeno e mando’ por enriba das cautelas e a planificación de actuacións desta dimensión» matiza Rubén Pérez.