O grupo de Marea cualifica como «incrible que se resucite a polémica de Toralla sen que o Concello teña feito nada nestes anos para impedir o sistemático incumprimento da lei de costas que esixe non 3 senón 5 metros de paso público no perímetro de costa pero tamén o carácter público de calquera vial interior da illa».
Para o grupo municipal, o que se fixo nos anos 60 con esta illa e a «inacción posterior» nos plans parciais e nos PXOM seguintes amosan un «pelotazo amparado por sucesivos gobernos locais que deberían ter sido investigados xudicialmente no seu día».
«Que o que acontece en Toralla é a plasmación dunha ilegalidade manifesta xa o deixa claro a sentencia do Tribunal Supremo no ano 1978 que impediu mesmo a contrución dun segundo edificio que acompañaría o actual sen que existira ningún proxecto urbanístico que afectase á illa. Posteriormente o plan parcial deixou claro que non se podía construír ningún edificio na illa superior a tres alturas e que as zonas verdes e os viais que sinalaba o propio plan parcial tiñan que cederse e polo tanto eran públicos», explica Rubén Pérez.
Para a Marea de Vigo, é necesario que se leven a cabo xa actuacións xudiciais así como mobilizacións cidadás para que o Concello reclame o que é seu e acabe cunha inxustiza e deixación de funcións histórica so matizada pola actuación do concelleiro Antonio Nieto ‘Leri’.