A formación emitiu un voto en contra na Comisión Informativa de Facenda que tivo lugar pola mañá, na que o goberno local levou o a aprobación do uso do superávit que pasará ao vindeiro Pleno da Corporación.
O voceiro do partido, Rubén Pérez, denunciou que os cartos públicos acaben pagando a “nefasta” xestión da empresa concesionaria do palacio de congresos. “Imos entregar catro millóns de euros para pagar as consecuencias da nefasta xestión do auditorio Mar de Vigo, catro millóns que o goberno local xustifica como ‘Equipamentos culturais e museos’. Esta artimaña para nós é una completa manipulación sobre o propio acordo para poder dedicar eses cartos, i é unha das razóns polas que votamos en contra”, explica Pérez.
Ademais, o concelleiro apuntou que os resultados positivos acadados polo goberno nos últimos anos responden a que “se deixan de executar partidas orzamentarias, moitas delas necesarias para a veciñanza e a cidade, e tamén moitas delas, nunca executadas pero si anunciadas a bombo e prato por parte do propio alcalde”.
Tal e como ten afirmado noutras ocasións, a formación defende que o superávit se empregue en cuestións como a apertura de escolas infantís, centros de primaria, dotacións culturais ou asistencia social primaria.