A formación fixo un chamamento aos promotores e ao alcalde da cidade, Abel Caballero neste senso e tamén na “calidade” que terán eses postos de traballo. Ademais, advertiu de que non se están tendo en conta os posibles efectos no comercio local da zona, onde poden chegarse a destruír moitos empregos.
Igualmente, segundo a súa opinión, o tipo de negocio que se albergue no novo complexo comercial debería estar relacionado directamente co transporte, supoñendo dese xeito a integración entre o comercio local da zona e o propio espazo.
“A pesar de que se está anunciando este novo proxecto como algo novidoso, na realidade tratase doutro centro comercial ao uso, exactamente igual que os demais centros Vialia que hai no resto do estado, como pode ser na estación de tren de Pontevedra, hoxe en día case abandonado. O aumento de peches de comercios dentro das áreas comerciais é outra evidencia. Por outra banda, para a Marea de Vigo resulta inverosímil que unha empresa como Auchan estea falando de creación de emprego, xa que día a día está demostrando ser un bo exemplo de precarización das condicións laborais ala onde vai”, argumenta o voceiro Rubén Pérez.
Así, Marea de Vigo reclama que a dirección xeral de comercio leve a cabo un estudo sobre o impacto que pode ter este novo espazo no comercio local e que, tal e como pediu con respecto ao proxecto de Porto Cabral, a Xunta estude e estableza unha moratoria sobre calquera solicitude de licenza para a construción de centros comerciais que se presente no Concello de Vigo, que iría vinculada á redacción do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal.