Segundo denuncia a formación, a concesionaria dos estacionamentos vén de pedir cambios no contrato de concesión e compensacións económicas que suporían 1,6 millóns de euros anuais para as arcas municipais entre 2016 e 2019, é dicir, 6,4 millóns en total.
O voceiro de Marea de Vigo, Rubén Pérez, afirmou que cando a concesionaria ameazara con reclamar a resolución do contrato en 2013 era un “bo momento” para “estudar en canto tempo se amortizarían estes importes xestionando directamente os tres aparcadoiros, abaratando mesmo os prezos para aumentar o número de usuarios, tanto residentes como de rotación”.
Por iso, preguntou “se nalgún momento alguén pensou en que unha xestión pública permitiría abaratar o custo, crear máis ingresos e amortizar os 17 millóns que intervención calcula para executar o contrato e xestionar dende o público os tres aparcadoiros”.
Ademais, apuntou que “o desastre da concesión, construción e xestión destes tres aparcadoiros públicos non pode significar que esteamos en débeda permanente cunha concesión mal plantexada e artellada no seu día”.
Marea de Vigo entende que o importe das inversións feitas polo Grupo Puentes no seu día tería xa amortizacións feitas polos ingresos da xestión dos mesmos e que en ningún caso podería ser o cen por cen da inversión o que o Concello tivese que soportar no caso de executar o contrato e remunicipalizar os tres aparcadoiros.