O grupo municipal da Marea de Vigo reclama ao Concello que recupere os case 10 millóns que debería ingresar polo aproveitamento lucrativo das Torres Ifer. «Xa en agosto do 2015 preguntamos no Pleno do Concello se nesta ocasión íase levar a cabo dita reclamación, obtendo como resposta un simple fíxose como marcaba a lexislación vixente no momento», sinala Rubén Pérez.
A Marea de Vigo explica que entendeu entón que a resposta debía vir motivada polo convenio que tiñan asinado a Promotora Ifer e o propio concello, onde non existía tal 10%, mais, segundo sinala Rubén Pérez, «a lei está e estaba tamén naquela altura por enriba dun convenio bilateral. E dicir, ou o convenio é ilegal, ou simplemente non reflectía esa parte, o que non exime do seu cumprimento»
«No seu día, a propia promotora Ifer tratou incluso de «saltarse» a lei nese aspecto, amarrándose ao citado convenio urbanístico», engade. Dito convenio tamén foi requirido polo Grupo Municipal da Marea de Vigo, hai xa máis dun ano, así como os planos que puideran clarificar aos verdadeiros propietarios dos terreos afectados na promoción. Para ambas cousas, a Marea de Vigo sinala que obtivo o silencio como resposta.
Ademais, Marea de Vigo quere saber se existe licenza de actividade nas torres, e no caso de non existir, os motivos. «Calquera intento de legalización de todo o ámbito, debería pasar polo reparto equitativo de cargas urbanísticas e beneficios, pola redacción do proxecto de compensación e pola clarificación da propiedade dos terreos, ademais de facer a reclamación que, tal e como fixo Adif (Ministerio de Fomento) reclamando o que lle corresponde á entidade (sentenza 629/2015 do TSXG) o Concello tería que facer, reclamando, neste caso, o devandito 10% de aproveitamento lucrativo», explica a Marea.
Para o grupo municipal, é especialmente grave que, dende o ano 1996, coñecida a sentenza xa naquela altura polo propio Concello de Vigo, estiveron, todos os diferentes gobernos que pasaron polo Concello, «escurrendo o vulto, facendo varias modificacións e tratando así encaixar e legalizar o que non pode ser legalizado. Mais o máis grave de todo é que, en definitiva, unha promotora privada apropiouse dunha gran cantidade de diñeiro pertencente á veciñanza de Vigo, para o que contaron coa interesada conivencia das persoas que din representar a dita veciñanza», remata Rubén Pérez.