Ante esta situación, Marea de Vigo reclamou ao consistorio vigués e á empresa concesionaria do servizo de auga, Aqualia, que aclaren se esta afirmación é certa ou non. A formación política lembra que o composto químico empregado como insecticida e fabricado pola empresa Zeltia “en cantidades inxentes” é especialmente “tóxico, canceríxeno e daniño tanto para o medio ambiente como para o ser humano”.
A propia UE limitara ao máximo en 2004 o seu uso e produción, dando de prazo ata 2007 para eliminar a súa utilización. A súa presenza nas augas de consumo humano ten que estar totalmente controlada e as infraestruturas de subministro auditadas.
Segundo Marea de Vigo, o feito de que o concelleiro do Porriño indicase no Pleno a posible existencia deste tóxico en Eiras debería cando menos «ter aclaración pública por parte do Concello de Vigo e mesmo xerar algún informe por parte da empresa subministradora de auga, neste caso Aqualia»
En caso de non ser certo, “o concelleiro de medio ambiente do concello porriñés estaría incorrendo nunha grave irresponsabilidade da que tería que facerse cargo”, esgrime o grupo municipal vigués.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, foi cuestionado este martes por este asunto e negouse a dar credibilidade ás declaracións de Coto. “A min o que diga un concelleiro do Porriño dáme exactamente igual”, espetou o rexedor olívico.
“Que me envíen toda a documentación que teñan, se a hai”, esixiu Caballero, que ao mesmo tempo reclamou que ese tipo de afirmacións deben facerse cunha base sólida. “Terá que substancialo”, engadiu o alcalde. “Se envían documentación e ten base, verémolo”, insistiu.