Segundo a formación política, o debate non chegou a pasar ao pleno no pasado mes de maio e quedou á espera da decisión do propio centro, que foi tomada “xa a finais do pasado curso”.
«Concordamos coa decisión tomada pola comunidade educativa en canto ao cambio do nome do colexio, asumindo á toponimia tradicional co nome de O Resío», afirma a concelleira Marga López Barreiro.
En maio xurdiron diferencias entre a propia Corporación Municipal, posto que a proposta abarcaba soamente o cambio de Virxe do Rocío por Rocío, abríndose o debate sobre a denominación do centro educativo ao introducir a posibilidade de recuperar a toponimia tradicional da zona, que poñería como nome do colexio O Resío.
Co obxecto de achegar información á comunidade educativa do colexio cara a hora de decidir sobre o nome do centro, o Grupo Municipal da Marea de Vigo encargou un informe ao profesor Gonzalo Navaza -profesor titular de Filoloxía Galega e Portuguesa na Universidade de Vigo e membro da Comisión de Toponimia e do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega- que lle foi remitido á dirección do centro educativo.
«A Marea de Vigo sempre defendeu a conservación do noso patrimonio cultural, neste caso o patrimonio inmaterial contido na toponimia, tal e como sempre nos expresamos cando xorden cuestións que afectan a cambios de nomes de rúas, lugares, etcétera. Isto non obedece a ningún capricho político, senón á todo o que significa a defensa do noso patrimonio«, explica López Barreiro.
O grupo municipal da Marea de Vigo “rogoulle” ao Goberno Municipal no pasado pleno de xullo que metera esta cuestión no pleno seguinte ao coincidir co comezo do curso académico pero segundo aclara a formación política “isto non aconteceu”.