“Solicitámolo hai un mes e aínda non tivemos resposta. Esperamos que non sexa porque efectivamente non existe, xa que suporía un grave incumprimento legal”, engadiu. Así, a formación reiterou a súa petición e asegura que llo solicitará ao valedor do pobo se non dispón del a 31 de outubro.
Marea de Vigo entende que o carril bici está decidido “sen un criterio técnico e improvisando as medidas recomendadas pola DGT”, pero afonda no feito de que a carencia dun informe de seguridade adaptado á realidade do proxecto e das rúas polas que transita, supón un “serio risco” para as persoas usuarias, viandantes e condutores de transporte público colectivo e taxistas.
O grupo municipal esixe que as cuestións de seguridade estean sempre presentes nas actuacións que implican mobilidade e actuacións en vía pública. Do mesmo xeito, Marea de Vigo lembra que foi aprobada unha moción que reclamaba a necesidade urxente de adaptar a cidade “aos novos xeitos de mobilidade que cada día son unha realidade máis complexa e con formulacións que requiren tanto de infraestruturas coma de organización diferentes”.
A formación xa dixera en 2017 que consideraba acertada a concreción dunha ordenanza sobre mobilidade sostible, pero que entendía que esta “tiña que artellarse dentro das liñas estratéxicas do Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) aprobado polo Concello de Vigo o 27 de xuño de 2014 onde se recollía coma un dos obxectivos a mellora das condicións de mobilidade peonil e ciclista”.
Segundo Pérez, “a decisión de que o carril bici transcorra por esta vías non está realmente acorde cos obxectivos marcados no PMUS e nas propostas iniciais de carrís bici, xa que se priorizaban outras vías precisamente polas dificultades de tráfico e deseño urbano que comportan rúas coma Pizarro ou Camelias”.