“Semella existir certa connivencia de diferentes gobernos que pasaron pola corporación con esta empresa concesionaria”, engaden desde a Marea, que lamenta que por “enésima vez” a administración local “lle dea as costas ao cadro de persoal dunha concesionaria pública”.
Segundo sosteñen, a empresa, facendo uso das ferramentas proporcionadas ás empresas pola última reforma laboral, se ten descolgado do convenio de empresa caducado no 2015, aplicando neste momento o convenio sectorial estatal, que conta cunhas condicións laborais “moito máis negativas”.
Esta situación foi denunciada pola representación sindical perante a corporación municipal mediante a presentación de escrito no rexistro xa en setembro do 2017, “mais a contestación do goberno só foi volver a adxudicar o servizo á mesma empresa no pasado mes de xaneiro”, censura a Marea de Vigo.
Para o grupo municipal hai “unha serie de criterios” no eido laboral que deberían contar á hora de adxudicar un servizo público á marxe do cumprimento da lexislación, tal e como están facendo moitos concellos no ámbito do Estado.
“Isto supón unha cuestión de vontade política do goberno municipal do momento, no caso do goberno actual, esa vontade non existe, tras todas e cada unha das ocasións nas que non tivo en conta as demandas dos cadros de persoal das diferentes concesionarias municipais á hora de abordar a contratación destas. Nalgunha ocasión incluso semella que esta actitude é deliberada, respondendo así aos intereses das empresas privadas. No caso da recadación executiva isto acontece desde incluso antes desta lexislatura”, afirma Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal da Marea de Vigo.
Contra as privatizacións
Así, o grupo municipal insistiu na defensa dos servizos públicos municipais, cuxas privatizacións “levaron consigo en moitos casos a precarización laboral das traballadoras e traballadores dos mesmos, sen supoñer estas un aforro para as arcas públicas nin unha optimización do propio servizo, senón unha fonte de corrupción nalgúns casos e o lucro de moitas empresas privadas á costa dos cartos da cidadanía en todos”.
“O mínimo que debe facer o goberno municipal con respecto ás concesións públicas é velar polas condicións dos seus cadros de persoal. No caso dun goberno que se di de esquerdas, isto ten que ser incuestionable”, engade Rubén Pérez.