O goberno local deu luz verde este xoves a investimentos por 3,7 millóns para acometer cinco humanizacións en distintas zonas da cidade. En primeiro lugar, o alcalde deu conta da clasificación de ofertas da Praza Sanjurjo Badía (Barrio das Flores), cun orzamento de 595.000 euros e un prazo de execución de 8 meses (adxudicada a Oresa). No caso de Purificación Saavedra (fase I) -entre Sanjurjo Badía e Enrique Lorenzo- as obras ascenden a 306.097 euros e 5 meses de execución (a empresa é Naróm).
Tamén se realizará a humanización de Álvaro Cunqueiro -a coroa exterior- cun orzamento de 1,2 millóns de euros e 10 meses de prazo de execución (Petrolam Infraestruturas é a empresa adxudicataria). A primeira fase -coroa interior e entronque con José Frau- xa está realizada polo que o custo total da rúa é de 2,5 millóns. A Praza Pedro Alvarado tamén será remodelada, cun custo de medio millón de euros e 3 meses de execución.
O goberno local tamén aprobou a adxudicación das obras de humanización da rúa Camilo José Cela (entre as rúas Coruña e Chano Piñeiro), cun orzamento de 667.000 euros e 7 meses de prazo de execución (ACEVI é a empresa adxudicataria). O alcalde rematou destacando que cada unha destas obras foi adxudicada a unha empresa diferente.