Os investimentos da Deputación en Vigo centraranse na cofinanciación co Concello das infraestruturas viarias municipais. A mellora da accesibilidade e seguridade nos viarios das parroquias mediante a humanización de beirarrúas; a mellora da seguridade coa renovación da pavimentación da calzada en distintos viarios do rural; e a da accesibilidade e mobilidade urbana na cidade, serán algúns dos eixos de actuación sobre os que o goberno de Silva, porá o seu foco con partidas fixadas no convenio co concello.
Tamén estarán destinados á cofinanciación de proxectos para infraestruturas educativas e deportivas, entre elas a cubrición dos patios de diversos colexios públicos do concello, ou a renovación de instalacións deportivas do termo municipal. Outro dos eixos aos que se destinará o esforzo inversor do goberno provincial en Vigo ten que ver coa promoción de eventos de interese xeral para o emprego, o turismo e o deporte. Entre eles xa está recollida a cofinanciación co Concello para o desenvolvemento de acontecementos deportivos de carácter nacional e internacional; eventos para a promoción do emprego e dos sectores industriais; e para acontecementos de carácter nacional e internacional destinados a promocionar o turismo. Todo elo, amais de todos os investimentos das diferentes áreas do goberno nos eidos da Sustentabilidade, a Igualdade, a Cultura, a Cohesión Social, a Xuventude, o Turismo, o Deporte, a Innovación, as TIC ou a Economía e o Emprego.
O orzamento da Deputación de Pontevedra para o vindeiro ano se situará en case 161 millóns de euros, (160.932.950), e cun orzamento consolidado de 164,5 millóns de euros. Á evolución das contas, únese tamén a continua redución da débeda, “tan diferente á que atopamos en 2015 cunha institución hipotecada en 41 millóns de euros, pasando a ser agora unha administración modélica que rematará o ano 2020 con 3,9 millóns, moi preto da débeda cero“.
Como a presidenta xa adiantou na súa investidura, a sustentabilidade cara á transición ecolóxica; a economía, innovación e emprego; o avance sociocultural e deportivo; a igualdade e a asistencia económica e técnica aos concellos, son as cinco grandes áreas prioritarias, reflectidas así no orzamento. Igualmente, a Deputación de Pontevedra, con máis dun 30%, segue a liderar o ranking estatal en transferencias de recursos aos concellos segundo fontes do Ministerio de Facenda. “Somos a Deputación de todo o estado que máis fondos destina aos municipios“, subliñou Silva.