O rexedor adiantou este martes que a rehabilitación da Panificadora «é unha realidade que avanza», que é «imparable», e estamos diante dun gran proxecto que liderará o Concello sen poñer ningún límite, senón pensando na «recuperación arquitectónica e social». Explicou que o edificio será recuperado na súa totalidade mantendo o máximo posible os edificios tradicionais dunha arquitectura industrial notable en Europa e dándolle a máxima participación á presenza da cidade.
Caballero asegurou que «haberá presupostos para esta grande obra de forma inmediata en Zona Franca e no Concello», onde xa hai recursos dispoñibles para a expropiación, e que se vai incorporar o proxecto aos orzamentos de Zona Franca para o vindeiro ano porque a rehabilitación «está indo por acordo e será froito dun grande consenso» sendo economicamente viable nestes momentos.
Así, o alcalde sinalou que a próxima semana será aprobado o prego do concurso público de ideas que convocará o Concello para elixir o proxecto de rehabilitación e, a partir de aí, poderán establecerse os prazos da obra e un avance do presuposto. O goberno local, apuntou, conta xa cunha valoración aproximada do solo e do conxunto do proxecto e está barallando os nomes dos integrantes do xurado para a convocatoria do concurso. Ademais, o Concello establecerá contactos co tecido social e cultural da cidade para abordar o proxecto e as posibilidades que se abren.