A Xunta de Goberno Local, segundo trasladou este luns Abel Caballero, aprobou o proxecto de reforma dos vestiarios e instalacións do campo de fútbol do Carballal, melloras que sairán a licitación por importe de 420.000 euros.
O proxecto, detallou o rexedor, define as obras de construción dos novos vestiarios e cantina, servizos e instalacións de fontanería, produción de auga quente, saneamento, electricidade e iluminación, ademais de incluir unhas novas bancadas para espectadores.
Caballero recordou que o goberno que encabeza traballa nunha segunda fase no nomeado recinto futbolístico para substituir o terreo de xogo por un novo de herba sintética. Así, o total investido polo Concello de Vigo no campo de fútbol do Carballal supera o millón de euros.