O alcalde recordou que estes terreos foron desafectados no mes de decembro e que este xoves deuse luz verde ao contrato con ADIF para o aluguer, de cara a convertelos nun corredor verde de catro quilómetros ata Redondela.
Abel Caballero explicou que o acordo será rubricado co Administrador de Infraestruturas Ferroviarias «de forma inmediata», tan pronto ADIF valide o contrato, e, «unha vez asinado, encargaremos o proxecto».
O Concello de Vigo xa traballa no deseño da vía verde, que presenta unha zona urbana no treito máis próximo a Urzáiz e outro espazo con máis zona verde. O goberno vigués propón para o futuro corredor verde de Urzáiz a Redondela que sexa unha localización «tranquila, para bicis e tamén con zonas para eventos lúdicos».
Caballero recordou que a futura vía verde é posible pola construción do túnel de saída dos trens de Urzáiz, un cambio de proxecto conseguido co propio Caballero na Alcaldía xa que a planificación de Fomento era construir a entrada do AVE en Vigo en superficie, «rompendo Teis». O rexedor recordou que o proxecto estaba «tan avanzado» que xa se fixeran expropiacións.