Un total de 60 alumnos e alumnas de case unha ducia de países prepararanse de xeito gratuíto para superar o exame do Diploma de Español como Lingua Estranxeira (DELLE A2), requisito imprescindible para adquirir a nacionalidade española. As clases impartiranse entre os meses de setembro e decembro e o alumnado dividirase en catro grupos cun máximo de 15 estudantes por quenda.
As tres primeiras quendas de clases comezarán este vindeiro luns, un no Pazo Provincial de Pontevedra e dous, un de mañá e un de tarde, na sé da institución provincial en Vigo. A cuarta quenda, tamén na sede de Vigo, estenderase dende o 27 de novembro ata o 20 de decembro en horario de 17:30 a 20:30, entre o 27 de novembro e 13 de decembro, e de 18.30 a 20:30, entre o 14 e o 20 de decembro.
Esta iniciativa do Servizo de Cohesión Social e Xuventude, posta en marcha este ano por primeira vez, está orientada a facilitar a formación necesaria a aquelas persoas, que sendo maiores de 16 anos e en situación administrativa regular, precisen preparar o exame do DELE para a obtención da nacionalidade española. As prazas ofertadas completáronse en apenas en un mes e o alumnado do curso estará formado por persoas procedentes de 11 países entre os que están Marrocos, Brasil, Nixeria, Ghana, Costa de Marfil, Senegal, Serra Leona, Romanía, Reino Unido, Rusia e Ucraína.
O exame DELE esixe unha preparación previa, cun custo económico asociado, que nalgúns casos dificulta o acceso á nacionalidade española para un determinado sector da poboación, impedíndolle o seu proceso de integración na provincia e favorecendo procesos de exclusión social. Os cursos financiados pola Deputación de Pontevedra pretenden impedir esta situación e facilitar que todas as persoas inmigrantes teñan a posibilidade de acceder á preparación do DELE en igualdade de condicións.
Os cursos, que serán integramente subvencionados pola Deputación incluíndo tamén as taxas de matrícula do DELE, serán impartidos por persoal docente do Centro de Linguas da Fundación Universidade de Vigo. En xeral, mediante esta formación prepararase ás persoas inmigrante para poder realizar probas de compresión de lectura, de comprensión auditiva, de expresión e interacción escrita e oral.