A Deputación realiza unha achega de 3.537.000 euros e o Concello pon os 2.358.000 euros restantes. O percorrido do carril irá desde Samil á avenida de Europa, avenida de Castelao, Praza de América, rúa López Mora, Camelias, Praza da Independencia, Glorieta do Bicentenario, rúa Venezuela, cruce Gran Vía, rúa Pizarro, Travesía de Vigo e Bos Aires. Segundo explicou o alcalde, trátase de «unha mestura de carril bici e de humanizacións masivas, xa que se realizarán en todos aqueles lugares polos que vai pasar e nos que aínda non houbo actuacións como a avenida de Europa e a avenida de Castelao, na que faremos unha obra excepcional». Así, describiu Caballero, nesta última «haberá unha beirarrúa enteira humanizada indo cara a Samil á esquerda; no gran paseo farase unha beirarrúa humanizada á beira das vivendas e no actual paseo de bicicletas que vai ser o paseo peonil, haberá carril bici e beirarrúa humanizada».
Na praza do Emigrante haberá unha segunda gran humanización, unha acción «moi demandada» e na zona de Venezuela procederase a unha nova humanización, mentres que no resto do percorrido xa está todo humanizado ata a avenida de Bos Aires. «É unha das obras históricas na cidade de Vigo e por iso é unha gran satisfacción asinalo», finalizou o rexedor, á vez que agradeceu á presidenta da Deputación «en nome de toda a cidade», o seu apoio.
Colaboración excelente
Carmela Silva mostrou a súa satisfacción por empezar o ano coa firma dun convenio «que cumpre con todas as características que entendemos que deben ter as cidades do século XXI». Estas cidades, afirmou, «teñen que recuperar o espazo público para goce dos cidadáns, algo que en Vigo comezou fai dez anos e en Pontevedra fai só dous». Destacou que este carril bici «é un proxecto ben pensado, construído e elaborado, escoitando ás asociacións que defenden o uso da bicicleta». A presidenta anunciou que este non é o último convenio que se vai a asinar apuntando que «nunca se investiu tanto en Vigo nin nos 61 concellos da provincia de Pontevedra».
O acordo asinado hoxe marca para o alcalde «unha etapa nova nas relacións entre ambas administracións» xa que desde que Carmela Silva é presidenta da Deputación «asinamos numerosos convenios e antes dela practicamente ningún» apuntando o abandono de Vigo por parte da Deputación. Ambos cualificaron esta nova colaboración de «excelente» e unha gran demanda da sociedade.
Tras a firma do convenio, o proxecto será licitado e executado en varias fases polo que o obxectivo é que o carril estea completo antes de finalizar 2019.