As obras levaranse a cabo nas rúas Poza Cabalo, Limpiño, Lamelas e Pedra Seixa, do barrio de San Paio de Navia e consistirán na reparación das redes de fecais, pluviais, galería de servizos, reposición de pavimentación, iluminación pública, xestión de residuos e seguridade e saúde, que quedaron danados como consecuencia dos traballos feitos no contorno, como a zona verde, pavillón ou campo de fútbol, entre outras dotacións.
A lonxitude dos viarios afectados polas reparacións chega aos 1.280 metros. Unha vez realizadas as reparacións, os viais serán cedidos gratuitamente ao Concello de Vigo.
Por outra parte, a Consellería de Infraestruturas e Vivenda está procedendo a sinatura de escrituras e pago dos terreos adquiridos para a ampliación de San Paio de Navia, por un importe total de 10 millóns de euros. A ampliación da urbanización permitirá a construción de 1.600 novas vivendas protexidas.
Ademais, o Goberno galego está a redactar os proxectos para a construción de 62 vivendas de promoción pública en Vigo. A licitación das obras prevese para o próximo verán e o inicio das mesmas no último trimestre do ano.
O departamento que dirixe Ethel Vázquez prevé construír arredor de 26 vivendas na rúa Chantada e 36 na rúa Ignacio Grobas, estando actualmente en redacción ambos proxectos, que foron adxudicados a finais de 2016. Todas as vivendas contarán con praza de garaxe e un rocho. No caso da rúa Cambeses prevense ademais catro locais.
O investimento total será de máis de 7,3 millóns de euros, dos que 1,2 millóns de euros xa están recollidos no orzamento da Consellería para 2017.