O goberno autonómico está a avanzar na tramitación necesaria, polo que a próxima semana se someterán a información pública os documentos correspondentes a dous dos citados proxectos: o treito de concentración de accidentes comprendido entre Saiáns e a intersección de Priegue e o localizado desde as inmediacións da glorieta da AG-57 ata Sabarís, pasando pola Ramalllosa. Ademais, na primeira quincena de febreiro tamén se someterá a información pública o documento do proxecto correspondente ao TCA da estrada de Camposancos, en Vigo.
A PO-552 -que en Vigo ten por nome Estrada de Camposancos- é unha das estradas máis importantes desta zona, xa que une os concellos de Vigo, Nigrán e Baiona e chega, pola costa ata A Guarda. É unha vía que rexistra unha alta intensidade de tráfico, superior aos 20.000 vehículos ao día nalgún dos seus treitos e atravesa numerosos núcleos de poboación, concentrando nas súas marxes unha intensa actividade comercial e de servizos.
As iniciativas programadas prevén a execución de glorietas, mellora de interseccións e accesos, rectificacións de ramais, reordenación de xiros e construción de carrís centrais de espera.
Estes traballos están coordinados e veranse complementados con outras actuacións no marco do Plan de Sendas de Galicia, que tamén incidirán no incremento da seguridade viaria desta estrada. Trátase dos tres itinerarios peonís e ciclistas nesta mesma PO-552 que xa están en execución.