O importe destinado pola administración autonómica a esta prestación e ás Axudas de Inclusión Social na cidade supera no devandito período os 11,5 millóns de euros. Cifra, esta última, á que habería que sumar os 512.501 euros que se destinan ás Axudas de Inclusión Social (AIS), cun total de 569 concedidas no acumulado ata novembro.
Atendendo a este mesmo período, na área territorial de Vigo a contía supera os 14 millóns no caso da Risga e os 651.391 euros no caso do AIS. Malia que a cidade de Vigo representa unha terceira parte da poboación da provincia absorbe preto de cinco de cada dez euros destinados pola Consellería de Política Social á Renda autonómica de Inclusión Social.
En canto aos tempos de tramitación, o Executivo autonómico defendeu que está a “axilizar ao máximo os prazos de resolución” para deixar en “menos dun mes” a tramitación da prestación, na que interveñen os solicitantes, os concellos e, por último, o Goberno galego, que denunciou que Vigo é o concello da área que máis tarda en enviar os expedientes da Risga á Administración autonómica, superando os cinco meses e medio.
Coincidindo coa presentación destes números, colectivos sociais da cidade protestaron ante o edificio da Xunta pola “insuficiente” dotación económica que, segundo entenden, ten a Risga, que consideran un “dereito cidadá” e non un “subsidio condicionado”.
Igualmente, poñen o foco no acceso as contías, que debería seguir un “modelo de tramitación accesible e eficaz”, que deixe atrás a “burocratización”.
De mesmo xeito, piden aumentar os importes concedidos, xa que “non é posible satisfacer as necesidades básicas (alimentación, vivenda e gastos derivados da vida cotiá) de forma suficiente e digna cunha prestación actual de Risga que non supón máis que o 75% do IPREM (403,38 euros/mensuais)”.