Tal e como informou a presidenta provincial, Carmela Silva, a institución provincial achegará 100.000 euros para esta iniciativa, o que permitirá o financiamento de 100 bolsas por importe de 1.000 euros cada unha delas.
“Estas axudas servirán para que as e os estudantes complementen as bolsas que obteñen dentro dos programas internacionais Erasmus+estudos, Erasmus+prácticas e as bolsas propias de intercambio da Uvigo”, explicou Carmela Silva. Para a convocatoria Erasmus+estudos, que facilita a realización de estudos en diferentes universidades europeas, a Deputación destinará 80 bolsas. Outras 10 bolsas serán para o programa Erasmus+prácticas, polo que se realizan estadías en empresas e institucións doutros países europeos. Un total de 10 alumnas e alumnos beneficiarios das bolsas propias internacionais da Uvigo tamén desfrutarán destas bolsas complementarias da Deputación.
A presidenta provincial lembrou que, con esta iniciativa, impulsada por terceira vez entre Deputación e Universidade de Vigo, “queremos promover a participación do estudantado universitario da provincia en programas de mobilidade internacional, co obxecto de contribuír á súa formación integral e á súa adaptación ás esixencias do mercado laboral a escala europea que cada vez está máis globalizado”.